A tumba do nosso filho

poema de dor e enterramento

Como sabe a landra 

cando volver-se carvalho, 

se a levan à outra punta da Terra? 

Filho, meu filho… 

que non tes nin umha tumba quentinha

onde repousar a morte

umha lousa pesada que te reconforte 

e ponha fronteiras ao teu universo.

-º-

Recordo o teu cumpreanos, 

aquel que nunca che celebramos, 

chegou a dor arrasándo-o todo, 

desenfocando a paisage,

cubrindo a realidade de sudre, 

desenterrando a morte

para ti e para nós, agora vivimos con ela.

A morte é un ácido que nos come polos pes

e nos envolve o corazón en arame farpado,

abre os recunchos mais desconhecidos do labirinto 

e saen as poutas, os colmilhos, o fio dos coitelos

à procura do sangue.

Monstros e dor, pesada companhia, 

escravitude e esgotamento.

-º-

Filho, meu filhinho…

que levas nomes de árvore imensa e aromática 

como a tua nai que já non descansa,

coma o teu pai, umha pinga de auga doce perdida

no imenso mar de Tasmania.

Kauri, meu Kauri… 

Loureiro como a tua nai que non se recupera

dende que marchaches e andas coma min,

coma teu pai, aboiado na patria sen nome

dos que non tenhen acougo.

Deja un comentario